Saltar ao contido

Pa (ferramenta)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pas

Unha pa é unha ferramenta de man utilizada para escavar ou mover materiais con cohesión relativamente pequena. Consta basicamente dunha superficie plana cunha lixeira curvatura que serve para cavar na terra e transportar o material e dun mango de metal ou madeira co que se manexa. A parte lisa adoita ser metálica e o mango remata nunha asa que pode ser recta ou curva para poder exercer maior forza cunha das mans. A pa foi empregada dende a máis remota antigüidade en labores agrícolas e de construción. A súa evolución deu lugar ás máquinas escavadoras e cargadoras, moi importantes nas tarefas de movemento de terras para remodelación e acondicionamento de terreos, construción de infraestruturas urbanas, conformación de sotos, preparación de cimentacións de edificios etc.

Pa de xardinería

[editar | editar a fonte]
Pa de xardinería

As pas son utensilios básicos para realizar labores de xardinaría. Utilízanse para cavar a terra, preparala para plantar, arrancar raíces, escavar gabias e outros labores.

Pódense distinguir os seguintes tipos:

  • Pas de punta redonda. Úsanse para cavar. A súa estrutura é redondeada rematando lixeiramente en punta o que fai máis doado fincalas na terra. O seu bordo superior é plano para poder exercer forza premendo co pé.
  • Pas de punta cadrada. A súa maior superficie fainas convenientes para transportar materiais.
  • Pas de zapa. Tamén ten a punta cadrada pero a súa superficie é máis estreita. Utilízase para quitar céspede ou facer bordos, entre outros labores de xardinaría.
  • Pa de transplantar. Similar á anterior, caracterízase pola súa estrutura estreita e punta redondeada lixeiramente rematada en punta.

Outros usos

[editar | editar a fonte]

As pas de plástico forman parte dos xoguetes que utilizan os nenos na praia para manexar a area. Forman parte de kits que inclúen utensilios tales como un balde, un anciño ou uns moldes. Utilízanas para cavar e transportar a area, realizar regatos, construír castelos etc.